martes, 8 de outubro de 2013

Proxecto "A Illa do Tesouro"


Un ecosistema é un sistema natural aberto integrado por unha serie de compoñentes vivos e non vivos relacionados entre si.

Unha illa é un ecosistema cuns límites bastante claros, se ben a oscilación das mareas ponnos na dificultade de establecer os límites durante a preamar ou a baixamar; pero en todo caso a fronteira é un ecotono compartido por especies terrestres e acuáticas.

No sistema Illa podemos distinguir diferentes subsistemas ou ecosistemas terrestres e acuáticos, incluíndo un ecosistema urbano no que a especie humana modifica o biótopo para adaptalo ás súas necesidades de confort e calidade de vida.

A Illa do Tesourao
Illa de Arousa
Tratándose dun sistema aberto, debemos de considerar que a construción dunha ponte de comunicación co exterior no ano 1982 abriu aínda máis o tráfico de materiais, de xeito que antes da ponte o sistema illa era máis autosuficiente que trala existencia da ponte. Do mesmo xeito, a apertura do ecosistema incrementou o impacto provocado pola presenza humana.

A Illa de Arousa é un escenario único para analizar un ecosistema limitado polo mar e os efectos que provocou a súa comunicación mediante unha estrada ponte que incrementou o tráfico de vehículos,  persoas e materiais ao tempo que medraba o casco urbano e se abandonaban algúns oficios e tradicións que foron substituídos por outros novos.

Este blog é a vía de comunicación dun proxecto educativo no que, aplicando a nivel práctico os contidos da materia de Ciencias da Terra e do Medio Ambiente de 2º de bacharelato, tentaremos analizar a situación ambiental presente e pasada da Illa de Arousa: antes e despois da  construción da ponte que a comunicou co continente.



O nome do proxecto: “A Illa do Tesouro” fai referencia a un posible tesouro agochado polos Carcamáns, unha especie de piratas que se refuxiaron na Arousa en tempos pasados; pero tamén a que nós mesmos agocharemos os nosos tesouros en lugares que recomendamos visitar ao tempo que participamos na actividade “Geocaching”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario